GalegApps: fedella con aplicacións da casa.

“Érase unha vez unha galega a un móbil pegada…” Hoxe en día a historia da miña vida podería comezar deste xeito, e de seguro que a de moitos de vós tamén. Vivimos pegados a eses pequenos trebellos coma se do mesmísimo anel do poder se tratase e poñémonos do mesmo humor ca Gollum se nos faltan, aínda que sexa só por un intre. Tanto é así que ata levamos o cargador con nós e estásenos a formar un pequeno bulto no pescozo de tanto mirar cara abaixo. Quizáis esta sexa a seguinte evolución biolóxica do home, quen sabe. O caso é que xa que ninguén vai conseguir desaparvarnos, nen sequera a base de leite con desconecting, alomenos manternos cos pés na terra, en concreto na terra galega. ¿E cómo? Pois con apps #MadeinGZ, como non. Eiquí vos traio unha escolma das máis curiosas e entretidas, sempre feitas con moito xeito e sentidiño, con retranca e cariño.

1.Pandeireta Pro

Non hai serán sen pandeireta, e se por se acaso se nos ocorre improvisar a festa que non nos pille desprevidos. Chega a Pandeireta Pro! Unha pandeireta 2.0 pra levar no peto ou no bolso e botarlle unha peza alá onde queira que esteamos. Bos gráficos, bo son, coidada interface e con bastante realismo, é unha app coa que podemos facer riscados, improvisar pezas (uns con máis xeito ca outros) e ata soa ao axitar a tableta ou o móbil. A ver se os rapaces de Taptil se animan e fan algo semellante coa gaita.

2Imos?

E pra onde? É moi galego iso de respostar con outra pregunta e neste caso a segunda respóstase ca primeira coma se dun bucle de retroalimentación se tratase. Imos? é unha guia e a primeira rede social de lecer en Galicia na que atoparemos os mellores furanchos, restaurantes e casas de comida da terriña, contidos que se actualizan constantemente cos aportes dos usuarios. Ademáis conta cunha base de datos de 900 praias e amósache a ubicación da Oficina de Turismo máis próxima a ti, por se non te ubicas. E non só iso, podes ver e compartir as túas opinións e fotos cos outros usuarios, ao estilo FourSquare e tamén amosar os teus descubrimentos en Facebook e Twitter. Outras aplicacións moi similares son Restaurantes Gallegos e Fidegalia. Xa sabes, ainda que hai lugares que só che gustaria coñecer a ti… sé boiño e comparte, meu!

3. Sopas galegas

Se ata o de agora a relación da vosa lingua e a sopa era exclusivamente gastronómica de agora en diante xa non. Coas sopas galegas non alimentaredes o corpo, senón que alimentaredes a mente, pois o obxectivo do xogo e ampliar o noso léxico na lingua de Breogán mentres nos entretemos. O xogo é doado, todos coñecedes como vai isto das sopas, o novedoso é que está en galego, ten diferentes niveis, pódese xogar por temáticas e podedes acceder mentres xogades aos diccionarios da RAG, Google e Wikipedia pra abrir os ollos a todo un mundo de verbas novas.

4. Estrella Galicia, ¿Bailas?

Festa e cervexa… que digo! Festa e Estrella Galicia, que cambia o conto. Escandalosamente boa é esta aplicación na que sen nen sequera despeitearte podes emular o curioso baile que se gasta Milo Taboada e compañía no anuncio da tan coñecida marca coruñesa ao estilo Elfyourself, que tanta sensación causara no seu momento. Tan só ten que sacarlles unhas fotos a algúns amigos incautos que atopes por ahí, subilas á aplicación pra personalizar o baile “Estrella Galicia, Escandalosamente Buena” con elas e compartir o vídeo (#MadeinGZ non se responsabiliza das gargalladas que poidan derivarse de tal acción).

5. Orquestas de Galicia

Un galego que nunca escoitase á Panorama, á París de Noia ou á Olympus non é de fiar. Avisados quedades. Ou iso, ou que anda nas berzas e nunca se entera de onde e cando van tocar. Non choredes amiguiñ@s, a solución a todos estes problemas tena esta aplicación ca que podemos estar informados de onde actúa a nosa orquesta galega favorita. De interface fácil e intuitiva a ton só un click temos unha listaxe completa de orquestas, grupos, charangas, discos móviles… xunto aos seus datos de contacto, rankings, axenda, compoñentes… actualizados polos propios membros das formacións. A procura pódese facer por formación, lugar, localidade, concello e provincia. Asique xa non tedes excusa pra ir botarlle unha peza e conseguir o voso bandeirin firmado polos da París ou esa foto tan cobizada co nariz de Peque.

6. Obradoiros Abertos

Gústanche as manualidades e as pezas únicas e irrepetibles feitas por ti mesm@? Se é asi, esta app é a túa. Non hai nada máis #MadeinGZ cas cousas artesás e en “Obradoiros Abertos” podes atopar todos os talleres de artesanía visitables de Galicia e outros puntos de interés na materia, obtendo información sobre cada un deles como datos de contactos, como chegar ata ali, fotografías, puntos de venda

7. ConxuGalego, Tradutor Galego e RAG

Liche? Listes? Lestes? Liches? Tes dúbidas cando conxugas verbos en galego? Se é asi a primeira destas apps é a túa! Con ConxuGalego podes introducir calquer verbo na lingua galega (mesmo os irregulares) e descubrir como conxugalo en tódalas súas formas. Ademáis podes buscar o seu significado e saber como se di noutros idiomas xa que está integrada cas outras aplicacións do seu creador (GalApps) como son o TradutorGalego, por se non entendes nin papa do que chin polo mundo adiante. E a máis imprescindible de todas é o Dicionario da RAG. Mi ma! Eu estou namorada deste dicionario, tanto na versión web, coma na app… é o meu dicionario de cabeceira, de cantos apuros me leva sacado. Definicións, pronuncia, exemplos de uso… unha marabilla meus!

8.Chove?

E se chove, que chova! Si, home, si… que chova na túa vila! Eu quero sair sen paraugas e deixar a roupa secando sen ter que preocuparme por que se molle mentras non estou na casa. E para iso conto, non coa predicción do tempo… senón cos mesmisimos radares meteorolóxicos! Podo saber onde están exactamente as nubes da choiva, ver como se van movendo polo ceo e se vai chover ou non nos próximos minutos. O único, que tócanos a nós interpretala! Asique se non miras ben… pode que te molles! Que temble Pemán!

9.Pementos Analyzer

Os pementos de Padrón… uns pican e outros non. E pra saber se pican só queda probalos ou… analizados con esta app. Sácalle unha foto á túa victima averdosada, deixa traballar a aplicación uns segundos e obterás unha predicción sobre o teu pemento que fiable non sei se será moito pero unhas risas sácachas seguro.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

10.Refraneiro galego

“Non hai tolo sen idea” e a idea de Decrecemento Feliz, os creadores desta app, é a de recoller case 10.000 refráns diferentes da tradición oral de Galicia. Pódelos consultar en calquera momento en modo offline, sen necesidade de estar conectado a internet, compartilos na rede por Facebook, Twitter ou correo electrónico, activar alertas se queres descubrir un refrán diferente cada día ou semana sen ter que abrir a aplicación, buscar por palabras ou descobrir refráns ao chou!

Espero que probedes cando menos algunhas destas apps que hoxe vos trouxen e non me sexades de “Predícame, Pedro, predícame, frade, por unha orella me entra, por outra me sae”. Xa me contaredes como vos vai con elas! ; )

 

Outras GalegApps:

Crebacabezas Os Axóuxeres: xoga cos máis pequerrechos da casa.

Conxuro: descubre o Conxuro da Queimada e os seus segredos.

OferRural: turismo rural en Galicia

Parques Naturais de Galicia

Guías das tres universidades galegas: Universidade de Vigo, Universidade de A Coruña, Universidade de Santiago de Compostela

4 thoughts on “GalegApps: fedella con aplicacións da casa.

    • É a condea destes tempos… Xente con ideas e falta de apoios pra desenrolalas. Ogallá isto vaia cambiando. Vounas engadir ao post! E graciñas pola aportación!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s